Náufragos, o programa de Producións Celta para a Televisión de Galicia (TVG), retrotráese na súa emisión de hoxe a case cinco anos, ao 30 de marzo de 2017, cando os percebeiros de Malpica se reuniron para decidir as zonas de traballo. Un grupo deles, entre os que estaba o poeta e político Paco Souto, foi traballar á zona da praia de Razo en Carballo, onde está a pedra coñecida como A Percebeira. Paco foi traballar só sobre esta pedra e, case ao final da xornada, o percebeiro Paco Serantes pasou por alí e estrañoulle non ver a Souto, cando de súpeto viu o seu corpo sen vida flotando no mar.

Paco Souto fíxose percebeiro porque sentía amor polo mar e coñecía a súa linguaxe, coa que tamén construíu a súa obra poética, esencial na poesía galega actual. Era un dos poetas destacados da Costa da Morte, territorio de xentes mariñeiras e construtores do relato poético máis épico de Galicia. Paco Souto morreu na pedra A Percebeira, sobre a que el tiña escrito un poema que hoxe soa como un himno en toda a Costa da Morte e en toda Galicia. Tamén era edil do BNG na corporación de Malpica e presidente da entidade de mariscadores.

Na edición deste domingo de Náufragos, o espazo de Producións Celta para a canle autonómica lembrará a figura de Souto coa axuda da súa viúva, Emma Abella, da súa amiga Rosalía Fernández e dos seus compañeiros Paco Serantes e Wenceslao Abella.