Caderno de bitácora viaxa hoxe ata Malpica para coñecer o traballo das atadeiras da man de Ángeles Millé, presidenta da Asociación de Redeiras de Malpica O Fieital. Baixo o título Atar a vida co fío das redes, a Televisión de Galicia (TVG) emite ás 10.40 horas un capítulo que se centra nas mulleres desta vila da Costa da Morte, unhas das poucas que traballan a arte da palangre, e que foi elaborado por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón.

A historia Ángeles Millé é a dunha muller traballadora que perdeu ó seu pai mariñeiro cando só tiña 8 anos, sendo ela a maior dos cinco irmáns. Con 15 anos empezou a súa vida laboral e con 33 comezou a ser redeira, unha tarefa na que achou un sentido ao traballar para a colectividade. É unha importante activista na dignificación do traballo das redeiras de toda Galicia e das mulleres do mar, sendo a secretaria da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca. No oficio ancestral das redeiras Ángeles Mille, ademais de sabia, é un referente indiscutible en toda Galicia. E disto e moitas máis cousas falan a súa irmá,Yolanda Millé, que foi quen a introduciu no oficio, e Verónica Veres, presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, discípula de Ángeles e que segue os seus pasos no traballo polo colectivo.

Hoxe as redeiras son unha agrupación con visibilidade, que mellorou moito as súas condicións laborais e económicas nos últimos 15 anos. Foi por un traballo común, pero entre as persoas que máis destacan na consecución dos logros está Ángeles Millé. Por este motivo, Caderno de bitácora faralle unha homenaxe como representante do colectivo de redeiras de Galicia e no que participan a súa familia e as súas amigas.