O programa Náufragos da Televisión de Galicia (TVG) terá hoxe como protagonista a Eli Campos, que naceu e vive na localidade pontevedresa de Oia e que levaba exercendo de percebeira tres anos na Confraría da Guarda, cando o 16 de xaneiro do ano 2018, apañando percebes nas rochas da zona da “llanura”, unha onda golpeouna e o seu xeonllo danouse gravemente, pero puido seguir traballando. Pasados catro meses, na zona dos Saltiños, o mar levounas a ela e a súa nai, que puideron zafarse, pero o xeonllo de Eli resentiuse, e xa non puido volver exercer de percebeira.

A través da súa historia, os espectadores da canle autonómica coñecerán o duro traballo dos percebeiros e percebeiras, contra o mar e os percebes, pero que senten coma un fermoso oficio, que lles permite vivir a intensidade do mar e sentirse libres. Por iso, ter que abandonar o oficio é un proceso traumático que custa asimilar, e máis cando se ama o medio mariño con paixón, como é o caso de Eli Campos. Ela loita contra o tempo e a dor para recuperarse e volver a ser unha muller valente sobre as rochas percebeiras.

Testemuñas

O director e presentador de Náufragos, X. H. Rivadulla Corcón, conversará coa percebeira accidentada; coa súa nai, Leo Dorna; coa patroa maior da Guarda, Silvia Crespo, e con Miguel Crespo, compañeiro de traballo de Eli.