Caderno de bitácora achégase hoxe ata Caldebarcos, na costa de Carnota, para coñecer á mariscadora Teresa Lado. A TVG emite a partir das 10.45 horas o capítulo A vida no diálogo co mar no que a protagonista desprega toda a súa espontaneidade para contar a súa vida. Realizado por Producións Celta para a canle autonómica, está dirixido, escrito e presentado por X.H. Rivadulla Corcón. Para coñecela ben, o programa fala coa súa filla, Martina Díaz, que traballou con ela na recollida da mexilla, e destaca o seu carácter de muller forte. Tamén conversa coa súa amiga Emilia París, compañeira no marisqueo, que subliña como Teresa exercía de líder do grupo de mariscadoras de Caldebarcos. A vida de Teresa Lado só tivo sentido cando estivo preto do mar. Traballou indo a por percebes, mexilla e argazo. Cando se apartou do mar para ir á emigración a Nueva York pasoulle coma a un peixe ao que sacan da auga e volveu cos seus tres fillos.

Pasou máis de cincuenta anos traballando, xa que empezou con dez. Ir á mexilla foi o que máis lle gustou, e neste oficio puido perder a vida nun accidente grave. É un exemplo de muller do mar e vive con moita paixón tódolos aspectos. Para agradecerlle todo o seu ser sentimental, a súa forza brava e a súa sabedoría, o programa faille unha homenaxe cos seus fillos e a neta.

Por outra banda, a TVG inclúe na grella de mañá unha nova emisión de Náufragos co capítulo titulado No golpe do mar que non perdoa no que aborda o accidente do Novo Estela, ocorrido no mar de Muros en maio de 2002. Os tres tripulantes eran o patrón Manel Méndez e os mariñeiros Agustín Pereira e Santiago Lires, que lograron sobrevivir gracias a que foron rescatados polo Gaivota. Elaborado por Producións Celta para a televisión autonómica coa presentación de X.H. Rivadulla Corcón, conta como cando navegaban entre a punta dos Castros en Porto do Son e o Monte Louro en Muros un golpe de mar lles arrincou a ponte.