No 3 de decembro de 1992, o barco Mar Exeo achegábase ás costas coruñesas para desatar unha traxedia medioambiental. Ese episodio recupérase na memoria do programa Náufragos, que se emitirá este domingo na TVG. Segundo este espazo, “case 30 anos despois segue moi presente na memoria dos coruñeses”.

Con bandeira grega, a embarcación Mar Exeo viña cargada con petróleo para a refinería. Recorda o programa que nesa xornada “levantouse un forte temporal con ondas de 6 metros, ventos de 25 nós e intensos chuvascos, que complicaron a manobrabilidade do buque de 261 metros de eslora e 41 de manga”.

Os seus 28 tripulantes puideron ser rescatados con vida por Salvamento Marítimo e a Cruz Vermella do Mar.

O accidente marítimo con verquidos de petróleo sobre a costa afectou á actividade pesqueira e marisqueira das rías da Coruña, Ferrol, Betanzos e Ares.

Sobre este naufraxio falarán o percebeiro e membro da Cruz Vermella Óscar Fernández, que participou no rescate dos tripulantes do Mar Exeo; a peixeira da Praza de Abastos Eusebio da Guarda da Coruña, Mery Malvárez; cos mariscadores de Ferrol, Miguel Fernández e Santiago Sendón; e co traballador da lonxa da Coruña, Antonio Caridad.

Estas testemuñas do mundo do mar recordarán, coa Torre de Hércules de fondo, como tivo que paralizarse o traballo dos mariñeiros e mariscadores, afectando tamén a empregos derivados desta actividade, como peixeiras e traballadores das lonxas destas rías.

A conclusión deste programa que emite este domingo a TVG é que “non foi só unha catástrofe económica, senón que a nivel sentimental afectou tamén por ver en perigo unha forma de vida tradicional de numerosas familias nesta costa”.