Polos montes galegos patrullará este luns o programa da Televisión de Galicia Cos pés na terra, xunto co axente medioambiental Emilio para coñecer o seu traballo. Esta emisión tamén contará con Felipe, “un labrego a toda máquina que decidiu apostar por cultivos de toda a vida, pero tamén outros máis exóticos, como a ensalada asiática”

Cos Pés na Terra visitará ademáis a Marisé, Vanesa e Aldara no seu proxecto equino orientado á doma natural, “un xeito de entender o trato aos cabalos desde o máximo respecto”.

A TVG tamén ofrecerá este luns o magazine A revista, que conectará en directo con Nedea Fernández na coordinación de vacinación do CHUS, para coñecer os horarios dos puntos de vacinación contra a covid-19, que hoxe comezan a aplicarse nos principais hospitais públicos galegos.

No mesmo programa, o coronavirus seguirá sendo o tema protagonista, nunha conversa co inmunólogo José Gómez Rial sobre o posible regreso do uso de máscaras en interiores ante o incremento de contaxios tras a Semana Santa.

A presentadora Loly Gómez tamén recibirá no estudio a Carlos Debasa, presidente da Asociación Galega de Inmobiliarias (Agalín), para falar do aumento de vivendas vacacionais fronte á baixa dispoñibilidade de pisos de alugueiro, en cidades coma Santiago e Vigo

Na mesa de sucesos dos luns, a xornalista Patricia Abet e o avogado Alejandro Vega esmiuzarán para A revista algunhas das novas destacadas neste eido da actualidade. Por último, o espazo falará con Isabel Blanco, presentadora de Desexo concedido. Trátase do novo programa para o domingo á tarde, “que buscará cada semana facer realidade as ilusións dos galegos”. En cada entrega, “os espectadores gozarán de tres historias apaixonantes, que provocarán na audiencia unha chea de emocións, sentimentos a flor de pel e tamén risas”.