‘Caderno de bitácora” desprázase hoxe ata Ribadeo para coñecer o traballo das percebeiras da man de Celia Pacio. Así, a TVG emite ás 10.50 horas o capítulo Celia Pacio. Descubrir o mar, descubrir a vida que, baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, descubre como o traballo desta muller contribuíu ao futuro de moitas compañeiras do lugar. Elaborado por Producións Celta para a canle autonómica, o programa quere homenaxear a unha muller que chegou a Ribadeo con 18 años sen apenas ter visto o mar antes. Ao pouco tempo empezou a traballar no marisqueo para pasarse posteriormente ó percebe, traballo que realizou na zona de Rinlo,espazo tradicionalmente traballado por elas. Ademais, foi a primeira muller en formar parte dun cabildo na provincia, na Confradía de Ribadeo, e foi a segunda en ser patroa maior.

Para coñecela mellor, Rivadulla Corcón fala tamén con seu fillo menor, Jandri Jartín, o último dos catro que ten e o único que vive en Ribadeo, e tamén coa súa amiga Ángela Bedoya, experta mariscadora e percebeira coa que traballou durante doce anos. A pesares de non proceder de familia mariñeira, a implicación de Celia no sector non puido ser máis profunda o que a levou a converterse nunha patroa maior que deixou pegada. Para agradecerlle o seu traballo, Caderno de bitácora prepáralle unha homenaxe coa presencia da súa familia e das súas amigas.

Por outra banda, a TVG emite mañá, ás 11.50, un novo capítulo de Náufragos. Titulado Cando os barcos se fan humanos, tamén está realizado por Producións Celta para a canle autonómica. O programa lembra o verán de 1991, cando 12 barcos dos portos de Burela e San Cibrao, que deixaban de estar activos, foron afundidos a 70 millas do porto de Burela.