Máis alá de Eurovisión, a programación televisiva do sábado ofrece outras alternativas. Precisamente, o programa Bamboleo da TVG ofrecerá pola noite unha cita coas Tanxugueiras: as principais rivais de Chanel no Benidorm Fest (sen contar a Rigoberta Bandini). O grupo galego ofrecerá o tema Midas. Nesta canción, segundo indican desde o programa, “Olaia, Sabela e Aida afástanse dos seus anteriores traballos, exploran novas sonoridades e fan unha aproximación aos ritmos urbanos”.

Bamboleo estará así protagonizado por música, humor, xogos e festa. O espazo presentado por Xose Manuel Piñeiro contará con outros convidados como o cantante e compositor arxentino Coti, e a orquestra Los Players.

Coti foi o creador de importantes composicións que xa forman parte da historia da música pop como Nada fue un error ou Antes que ver el sol. Este sábado en Bamboleo interpretará grandes éxitos da súa carreira musical e participará nos xogos que os colaboradores do programa lle teñen preparados. Ademais ofrecerá un adianto do seu novo disco: o tema La chica de la esquina rosada. A orquestra Los Players traerá as súas propias versións de temas moi actuais, mentres que a parella de baile de Redondela formada por David e Lidia fará dúas exhibicións de bachata no Dirtidansi.

En canto aos informativos, a partir das 11.45 horas a TVG xa ofrecerá un especial informativo con motivo da toma de posesión do novo presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Por outra parte, Sabadeando dará este sábado conta das festas que teñen lugar en Galicia durante a fin de semana, comezando o percorrido en Salvaterra de Miño coa XIV Sementeira e Música de Corzáns, unha festa moi recoñecida na comarca do Baixo Miño.