Cinema galego para o prime time nesta véspera do Día das Letras Galegas. A TVG emitirá esta noite Cuñados: a exitosa ópera prima do ourensán Toño López. Trátase dunha comedia de enredo con rostros tan coñecidos como Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán e Federico Pérez. Conta as “peripecias delituosas dun trío de cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado”.

Ao seu carón estarán Mela Casal, María Vázquez, Iolanda Muíños e Eva Fernández, entre outras. A historia iníciase cando Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán)andan en apuros “xa que precisan moitos cartos tras meter a zoca nun dos seus negocios”. Sabonis tratará de solucionar o problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. “Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro”.

No resto da programación da TVG para este luns, o magazine A Revista farase eco da celebración dun festival solidario en favor de Cáritas, este martes no Coliseum da Coruña, conversando no estudio co músico Sito Sedes e co locutor e presentador dos medios públicos Marcial Mouzo, que será o condutor da gala.

E continuando con esa véspera do Día das Letras Galegas, xornada na que tamén se poderá gozar no prime time do especial Tanxuverbena (presentado por Esther Estévez), A revista conversará no estudio cuns dos seus protagonistas, Víctor Gómez e Jesús Porto, músicos do grupo Quinkillada, que actúa este martes á noite.

Ademais da súa música, esa Tanxuverbena do martes 17 de maio contará coas intervencións de Tanxugueiras, Andrés Suárez, Rozalén, Boyanka Kostova, Grande Amore, Xoana e Familia Caamagno.