Para recordar ao recentemente falecido actor Chete Lera, a segunda canle da Galega proxectará este venres a película Os mortos van á présa acompañada dunha das súas últimas aparicións televisivas. Trátase do coloquio do programa Clac, como previo a un dos seus filmes máis recoñecidos.

Tratase dunha comedia costumita de Ángel de la Cruz baseada nun feito real, “un suceso chocalleiro que no seu día tivo moita presenza nos medios”. E que se inicia coa seguinte situación: “Un descoido deixou atascado un camioneiro na entrada dunha vila de Galicia por culpa das indicacións do seu navegador”. O camión acaba atrancado nunha ponte desa vila mariñeira, causando problemas como a imposibilidade de soterrar o patrón maior da confraría de mariscadores.

Esta película rodouse na Mariña lucense, con base en Rinlo, e obtivo nove premios Mestre Mateo, incluídos o de mellor filme e mellor interpretación masculina para o actor Chete Lera, sendo a película máis premiada ata agora xunto a Cela 211.

No faladoiro que volve a proxectarse este venres previo á proxección do filme, Tania F. Lombao conversa co seu director, Ángel de la Cruz, que explica como foi o longo proceso desde que se fraguou a idea do filme ata que puido rodarse e estrearse.

Tamén intervén o actor Chete Lera, que explicaba entón que se sentía recoñecido polo cinema galego, pese a que a maioría dos seus traballos foron feitos fóra de Galicia. Ademais, como é habitual, o coloquio conta coa participación de Eduardo Galán, experto en cinema dos medios públicos galegos.

En canto ao escenario de Luar, subiranse Rosario Mohedano, o galego Alberto Mira Berto, Twin Melody, a orquestra los Billos Spain,a asociación cultural A Barca de Loimil, e o dúo Campos e Crespo.