Para amosar a riqueza do patrimonio histórico, arqueolóxico, artístico e arquitectónico de Galicia, “cuxa protección, restauración e recuperación constitúe un labor de enormes dimensións”, a TVG estrea hoxe a serie documental Os Andamios da Historia. Pretende comprender a importancia da súa conservación, coa achegamento a algunhas das súas xoias.

Cos obxectivos da posta en valor e difusión destes bens patrimoniais, os episodios centraranse na súa protección e recuperación “coa revitalización dos materiais enterrados, tapados ou derruídos que conforman a nosa historia”. A dirección corre a cargo de Carlos A. Quirós, con presentación de Teresa Rocamonde e Paula Pita, con paseos polos mosteiros de Oseira e de Sobrado dos Monxes e as catedrais de Ourense e de Mondoñedo, entre outros.

Na primeira emisión, os espectadores poderán coñecer este sábado o santuario das Ermidas, na localidade ourensá do Bolo. Foi alí onde uns pastores que apacentaban o gando atoparon unha talla da Virxe co neno en brazos. “O descubrimento deu orixe primeiro a unha pequena capela e despois, cando as xentes e os bispos acudiron coas súas rogativas á Virxe milagreira, a un dos principais santuarios marianos de Galicia”, segundo explican desde a Crtvg.

Tamén este sábado, no programa cultural Zigzag serán protagonistas Brigitte Vasallo e Gena Baamonde, autora e directora, respectivamente, de Naxos I. Drama en tres lamentos e un par de actos, que hoxe se estrea no Teatro Colón da Coruña.Segundo o seu argumento, “desde 1950, seis millóns de persoas foron expulsadas do campo español cara á diáspora sen nome, cara ao progreso, cara a un futuro que non decidiron”. A triloxía de Naxos cuestiona esta realidade a través da metáfora da condición de charnego, termo que esta migración recibiu en Cataluña.