Coñecido amante das viñetas, os tebeos e as novelas gráficas, Francisco Vázquez amosará este sábado na TVG a súa colección de cómics. O espazo Único encargarase de visitar esta semana ao exalcalde da Coruña. O tamén antigo embaixador de España no Vaticano é un “apaixonado dos tebeos e os cómics, que conserva exemplares moi especiais”.

En Único, Camilo Lesta tamén estará con Antonio Manuel Chaves, o maior coleccionista de xoguetes de Galicia, que está montando a súa colección no histórico pazo de Liñares en Lalín.

E os espectadores coñecerán a Juan Lumbreras, o provedor, para coleccionistas, dos automóbiles clásicos máis exclusivos, e ao mozo Alejandro Coira, que acaba de abrir unha tenda con obxectos moi particulares.

No ámbito musical David DeMaría estará celebrando en Bamboleo os seus 25 anos no mundo da música, presentando o seu novo sinxelo, No me toques el sombrero, adianto do seu próximo disco. Por alí tamén pasarán a artista María Kilate con DJ Rokiño e a orquestra Finisterre.

Nunha nova entrega do programa Os Andamios da Historia, os espectadores da TVG poderán viaxar este sábado ao mosteiro de Vilar de Donas, no concello lucense de Palas de Rei, a dous quilómetros do Camiño de Santiago.O vestixio mellor conservado deste mosteiro é a súa igrexa, pero o máis importante é o ciclo de pinturas que decoran a capela maior. Trátase dun conxunto realizado no ano 1434 polo obradoiro do mestre Munio Greis.

E na súa edición deste sábado, o espazo Zigzag contará coa presenza no estudio do escritor Diego Giráldez, que acaba de publicar O meu sangue, unha novela negra de “ata onde nos pode levar o instinto, unha intriga que arrastra o lector ao particular descenso aos infernos do protagonista”.