A especial relación do rei emérito con Galicia, e sobre todo con Sanxenxo, abordarase este luns nun programa especial do prime time na TVG. Despois da recente visita do rei Xoán Carlos cunha grande expectación mediática, ás 23.00 da noite poderá verse esta realización que “afondará tamén na historia persoal do seu anfitrión, o afamado regatista Pedro Campos, para coñecer a orixe da súa amizade”.

O programa emprega o propio arquivo da Televisión de Galicia “e a extensa cobertura feita estas últimas semanas, tanto de programas de entretemento como informativos”. Con todo este material, “debullarase a relación do rei Xoán Carlos coa vila pontevedresa”. Segundo informana desde a TVG “máis alá dos actos protocolarios, alí fixo declaracións espontáneas e amosou as rutinas propias da súa afección ao mundo da vela, así que este programa especial pon o foco nos aspectos máis curiosos das súas múltiples visitas a Sanxenxo”.

No programa A Revista, a presentadora Loly Gómez recibirá a visita de Jorge Cameselle, autor de El Mono Poeta. Metamorfosis de un médico e investigador del cáncer de mama, autobiografía na que o autor, médico e investigador galego do cancro de mama, reflexiona e suxire algunhas solucións para incentivar e mellorar a investigación científica no eido da saúde. No Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel, o programa recibirá tamén o dermatólogo Emilio del Río.

E no mesmo magazine os presentadores da TVG Arturo Fernández e Marcial Mouzo falarán do premio recibido esta semana no Celtic Media Festival polo espazo Malicia noticias, que resultou premiado na categoría de Comedia. O noticiario de humor da Galega superou as outras tres finalistas, producións da BBC Escocia, S4C Gales e BBC Irlanda do Norte.