Con motivo da celebración dunha nova edición do Son do Camiño, hoxe regresa á grella da Televisión de Galicia (TVG) Festigaliando, proposta semanal que, en media hora, percorre os festivais máis importantes que teñen lugar en Galicia ata setembro.

En cada edición, Festigaliando amosará a localidade galega onde se celebra o evento, as xentes da vila, o impacto socioeconómico, e, por suposto, a festa en si mesma. Nesta nova temporada, o espazo máis festivaleiro da TVG achegarase aos certames tamén desde a perspectiva da xente que está traballando para que todo saia ben e os asistentes gocen dos concertos e da veciñanza de cada zona. Deste xeito, o programa fará partícipe a audiencia de certames tan asentados, como O Son Do Camiño, Surfing The Lérez, Resurrection Fest, Festival De Ortigueira ou o Morriña Fest, que terá lugar o próximo mes de xullo en A Coruña.

Hoxe, Festigaliando amosará o que acontece no Son do Camiño 2022. O festival que ten lugar no Monte do Gozo, en Santiago, regresou no seu formato habitual tras dous anos de parón pola pandemia de COVID. Polos escenarios do certame pasaron artistas como Lola Índigo, C. Tangana, Liam Gallagher, Sebastián Yatra ou Carlos Sadness.

Este encontro musical é xa unha referencia na comunidade galega, xa que ten un grande impacto na súa contorna. Por iso, nesta primeira entrega do programa visitarase a capital galega para saber que opinan os visitantes e os negocios locais da celebración deste evento. O Festigaliando introducirase, tamén, na organización do festival e coñecerá de primeira man o ambiente, a ilusión pola música e a alegría propia desta cita musical.