Televisión de Galicia (TVG) estrea esta noite É hora de festa, un programa que percorrerá unha vintena de festas, na súa meirande parte, as citas gastronómicas de máis sona da comunidade galega. Na súa estrea, a reporteira Olaya Rivas achegarase a unha das celebracións máis concorridas da Costa da Morte, a romaría de Santo Hadrián do Mar, que está declarada Festa de Galicia de Interese Turístico e onde a fe, os ofrecementos, a música e a comida comparten protagonismo.

A vila coruñesa de Malpica de Bergantiños celebra cada ano por estas datas as festas na honra ao Santo Hadrián. Os veciños e devotos que acoden a ela quedan nas inmediacións da capela para celebrar unha romaría onde a música e a boa comida non faltan en toda a xornada.

Tras a pandemia, a romaría recupera a gran procesión de romeiros no seu día grande. A figura do santo vive na igrexa de San Xulián de Malpica, pero esa xornada de festa, centos de fieis sácano do templo para levalo a ombros ata a ermida, situada no cabo Santo Adrián. Despois de case unha hora de procesión, os romeiros chegan ao seu destino, onde se pasa por unha fonte a cuxa auga se lle atribúen efectos milagreiros e logo realízase unha misa.

‘A Revista’, na Coruña

Por outra banda, e tamén na TVG, o equipo da Revista desprazarase hoxe, en directo, ata un dos mercados da Coruña para coñecer como van os preparativos para celebrar a noite galega máis meiga, así como a calidade e o prezo da sardiña, o produto estrela para acompañar esta xornada na mesa.