O programa da TVG Único chega este sábado ata a Asociación de Modelismo Ferroviario da Coruña (Amfeco). O presentador, Camilo Lesta, coñecerá alí a súa colección de maquetas de trens a escala. Tamén irá ao encontro dun dos máis importantes coleccionistas galegos, Manuel Arenas, que nesta ocasión amosará a súa colección relacionada coa figura de Napoleón.

Pola súa parte, Manuel Germade é un dos dous mestres de España na arte de facer bonsáis e permitiralles ás cámaras de Único acceder á súa colección de árbores ananos. Para finalizar o programa deste sábado, o presidente dos anticuarios de Galicia, Juan Olives, ensinará a distinguir entre as diferentes etapas da cerámica de Sargadelos.

Na programación da noite do sábado destacará Bamboleo. Xosé Manuel Piñeiro contará con convidados como Pili Pampín, Ortiga e unha artista andaluza cunha voz prodixiosa que triunfou en diversos programas de talentos na televisión en España: Roko. No vayas por ahí é o título do novo sinxelo de Roko que interpretará neste programa.

Por Bamboleo tamén pasarán dous artistas galegos que, “á parte de continuar coa súa carreira como solistas, acaban de presentar unha colaboración moi curiosa, en que mesturan tradición galega e ritmos tropicais”. A cantante Pili Pampín e o artista Ortiga uníronse para crear unha particular versión do tema Eu chorar, chorei que cantarán neste escenario.

A orquestra convidada vén desde Cantabria, chámase Super Hollywood e ofrecerá unha selección de temas do seu repertorio. No Dirtidansi estarán Dani e Alba, unha parella que amosará a súa progresión no baile.

En A Jrileira participarán a Sociedade Deportiva Barallobre, de Fene, e a Sociedade Deportiva Negreira, dous clubes de fútbol. Os seus representantes cantarán a mítica No mires a los ojos de la gente, de Golpes Bajos.