O verán arranca con forza con música nas tardes da TVG, que este luns estrea Quen canta aquí?: espazo que percorrerá Galicia invitando ao público a participar no karaoke. No seu periplo polas vilas galegas, “o programa porá o seu escenario a disposición de amantes da música de todos os estilos”.

Quen canta aquí? será conducido polos recoñecidos cantantes de orquestras César Romero e Laura Añón, que “achegarán a súa simpatía, talento e coñecemento de primeira man do mundo do espectáculo”, segundo indican nun comunicado desde a TVG.

O programa levará cada día o seu escenario a unha vila galega onde os cantantes locais, da man dun anfitrión profesional da música, agasallarán o público coas súas interpretacións, e “serán os espectadores desde as redes sociais os que valoren as actuacións e escollan os seus favoritos”.

De luns a venres, en formato diario, as grandes voces da verbena galega, como Alejandra Pais, Alba Navarro, Lucía Sánchez, José Rodríguez ‘Noly’ ou Pili Pampín, apadriñarán cantantes afeccionados co obxectivo de ofrecer un espectáculo para todos os públicos nas tardes da Galega.

Na súa primeira semana, Quen canta aquí? estará estes días en Santiago, con Alba Navarro; en Vilagarcía de Arousa, con Alexandra Carrera; en Ribeira, con Lucía Sánchez; en Sada, con Ángel Sevilla; e, finalmente, en Ferrol, con Nuria Fernández.

Tamén este luns, a TVG ofrecerá o programa Cos pés na terra. Nesta ocasión, a audiencia verá como lle vai a Roberto na súa tenda, que ten a pé de horta e ao carón das casas, onde lles vende aos seus veciños de Oleiros produtos ecolóxicos acabados de apañar. Finalmente, o programa achegarase ao muíño de Isabel, unha muller que volveu á súa aldea para ser muiñeira e recuperar un oficio en perigo de extinción.