Nova edición especial do formato Aquí Portugal, hoxe na Televisión de Galicia (TVG), cun espazo conxunto coa Radio Televisão Portuguesa (RTP) para seguir estreitando lazos entre as dúas culturas. Ambas canles volven compartir experiencias, idioma e historias común neste especial de case seis horas en directo que será presentado desde Sanxenxo por Esther Estévez, Noelia Rey e Arturo Fernández, da TVG, e os portugueses Hélder Reis, Joana Teles e Isabel Angelino. Como televisión anfitrioa, a TVG fará unha gran despregadura de medios técnicos e de profesionais nunha emisión dobre, cunha edición de mañá (11.50 a 13.20 horas) e outra de tarde (de 15.40 a 20.00 horas) desde o porto da vila pontevedresa.

Nesta edición galega, logo da emitida o 18 de xuño desde Porto, a TVG agasallará os portugueses coas cousas máis típicas de Galicia, e os reporteiros achegarán moitos dos nexos de unión entre ambos pobos. Daranse a coñecer lendas galegas, como as existentes arredor da praia da Lanzada, e amosarase como gozar dunhas vacacións de luxo en Sanxenxo. O espazo practicará paddle surf na praia de Silgar, coñecerá a vista de paxaro as Illas Atlánticas e visitará o furancho do Alto da Aldea de Tomiño, a discoteca Dux, un dos locais da vila pontevedresa, amais de ir de sesión vermú polos locais hostaleiros da zona, entre outras propostas.

Desde o Náutico de Sanxenxo e con múltiples conexións en directo, polo programa pasarán convidados como a artesá Charo López; Pedro Campos, presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, a peixeira de Portonovo Piliña, os chefs galegos Sabino e Álex Iglesias, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín.