O Parque do Pasatempo de Betanzos trata de recuperar o seu pasado esplendor, que o fixo ser un lugar único a principios do século XX. O esforzado proceso de restauración, a cargo da empresa Parteluz de Lugo, vai sorprender mesmo aos que nalgún momento da súa historia o puideron pasear. O programa da Televisión de Galicia (TVG)Vivir Aquí falará hoxe cos responsables do Plan Director desta obra, unha das máis importantes restauracións que se está acometer en toda Europa.

Como esforzada é a xesta de Manuel Rossi e María García, unha parella de Madrid, auténticos amantes e promotores das rutas xacobeas, que este ano quixeron cumprir co seu costume de andar o Camiño malia pasaren o COVID e manter, no caso de Manuel, graves secuelas. Con muletas e facendo as veces só un cento de metros cada día, demostrou que o seu co Camiño é máis que afección.

Estrea festeira

Por outra banda, a TVG estrea esta noite o programa Comisión de festas, que busca amosarlle ao público o que de verdade implica organizar un acontecemento dese tipo. Este novo formato da canle autonómica descubrirá todo este proceso a través dos integrantes das trece comisións seleccionadas, aos que se acompañará ao longo de varias xornadas mentres tratan de recadar cartos, para cumprir os seus respectivos obxectivos, e preparar cada un dos elementos necesarios para as celebracións.