O xoves da TVG neste verán surfeará con moito humor entre os sketchs e as actuacións musicais de Malicia Noticias e Land Rober. Chegan en formato Summertime, “nunha dobre e refrescante oferta de humor con maiúsculas coa que os amantes da comedia poden vivir este verán os mellores momentos e os sketchs máis hilarantes de ambos programas de referencia na canle pública”.

Na edición estival de Land Rober, os espectadores asistirán a un transplante de corazón de cocho; a un documental sobre a vida de Josito, un dos mariscadores; e ao primeiro pleno do ano no concello de Pazos. Entre os participantes nos episodios desta noite están Julio Igesias Jr., o actor Antonio Garrido e a cantante Rosa López.

No tempo do Malicia Summertime, serán protagonistas a parroquia de San Tirso, en Palas de Rei, e un acto de vandalismo nun pilón rehabilitado de Chapela. “Co humor característico do espazo”, tamén se ofrecerán enquisas sobre as herdanzas, as caídas do WhatsApp, o insomnio, os problemas cos inquilinos e o nivel de galego. Os reporteiros Fran Cañotas, Noelia Rey, Belén Vara e Brais Doval serán os encargados de achegar esta particular visión da actualidade.

En canto ao magazine A revista falará sobre a invasión rusa de Ucraína co xornalista lucense Marcos Méndez, correspondente de guerra nos comezos do conflito, que relatará en primeira persoa a súa experiencia na primeira liña da fronte durante tres semanas. Abordarase ademáis a problemática de copiar en exames decisivos, con Celso Rodríguez, director da entidade interuniversitaria CIUG, quen contará o caso duns alumnos que foron descubertos copiando na ABAU, e coa profesora da autoescola Copas, Paula León, sobre un incidente protagonizado por un aspirante a condutor durante a proba teórica para obter o carné de conducir.