A Televisión de Galicia ofrece este luns o último capítulo da miniserie Operación Marea Negra, protagonizada por Álex González e baseada na historia real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa.

Nesta ocasión, os espectadores verán como Nando consegue sortear a policía nos Azores e pon rumbo á costa galega. Alí pídelle axuda a Gema e a amigos, pero coa intensa presión policial ninguén pode achegarse ao submarino. Sen opcións, afunde o aparato preto da costa.

Pola súa parte, Nando e Angelito son detidos nada máis tocar terra. Nando foxe e ocúltase durante un día nunha cabana, pero o empeño policial de Carmo e Ortiz dá os seus froitos e logran detelo.

“É un éxito policial sen precedentes, aínda que en realidade o submarino foi un cebo que permitiu que outros aparatos con cargas maiores conseguiran desembarcar sen problemas”, segundo explican desde a TVG, sobre o argumento da serie.

No programa A Revista, estará no estudio Luis Leclere, presidente de A Rula, un colectivo cuxo traballo chamou a atención do diario británico The Guardian, que publicou unha reportaxe, facendo unha chiscadela á serie Xogo de Tronos, sobre o patrimonio compostelán de taboleiros, maioritariamente barrocos, esculpidos na pedra e que serviron como base para xogar ao tres en raia. Por outro lado, o espazo presentado por Loly Gómez abordará o uso da tecnoloxía na idade pediátrica e o seu impacto a diferentes niveis, para o que contará coa presenza do psicólogo Antonio Rial Boubeta e da formadora en neuroeducación María Couso.

Tamén pasará hoxe pola mesa da Revista a nutricionista Lidia Folgar, que lles explicará aos espectadores as características da dieta nórdica, sinalada pola OMS, xunto á mediterránea, como un referente de alimentación.