Os Fogos do Apóstolo de 2022 consisten este ano no lanzamento de 2.500 kilos de material pirotécnico desde cinco puntos de Santiago de Compostela: a Alameda, a Cidade da Cultura, o parque Eugenio Granell, Fontiñas e As Cancelas. Durarán 900 segundos e servirán de inicio oficial para o 25 de xullo, Día de Galicia. A TVG encargarase da súa retransmisión esta noite cunha gran festa no Obradoiro.

Alba Mancebo, Noelia Rey e Arturo Fernández conducirán un programa especial que contará coa participación do público, música e baile. Colocarase unha gran pantalla desde a que todos os asistentes poderán seguir o programa e tamén os fogos.

Durante o programa, os espectadores vivirán toda a emoción da conta atrás para un espectáculo que leva celebrándose máis de 500 anos e coñecerán as características que fan únicos estes fogos, baseados non só na pirotecnia, senón tamén no vi deomapping e nas proxeccións.

Na praza do Obradoiro, a música correrá a cargo do histórico grupo Treixadura, pero esta noite vai nacer unha nova formación: A Banda dos Fogos, un fanfarra que porá a bailar o público e a xente na casa. Con esta banda, cantarán tamén presentadores e actores da TVG, como Adrián Castiñeiras, Mayka Braña, Manuel San Martín, Marcial Mouzo, Arturo Fernández, Noelia Rey e Laura Añón, entre outros.

Os espectadores bailarán e divertiranse, pero tamén aprenderán moitas cousas. O ‘eu medieval’ de Amanda Fernández amosará como eran antes as rúas e a vida en Santiago e todo coa inestimable axuda de Fernando Madriñán, experto na historia de Compostela, que tamén estará no Obradoiro.

O programa entrará nunha cea de luxo, a que se celebra cada 24 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, ceará cunha familia na praza á espera do grande espectáculo e entrará na casa duns veciños de Santiago que teñen o privilexio de ver os fogos desde a súa fiestra.