O magazine A revista recibirá hoxe a visita de Marta Piñeiro, subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, para coñecer a incidencia do coronavirus en Galicia, así como as medidas de prevención e o impacto da varíola do mono, entre outras cuestións relativas á nosa saúde.

Coma cada mércores, o programa da TVG ofrecerá novos consellos para coidado das hortas, da man da mestra de Polo rego Mercedes Nodar.

Tamén coa asistencia da baby organizer Alba Caamaño, a presentadora Iria Soengas achegarase ao traballo que desenvolven estes expertos especializados nos bebés e na planificación e organización familiar. Esta burelense é a artífice de Orana Espazo e Orde, amais de formadora na Escola da Orde e presidenta da Asociación de Organizadores Profesionais de España.

Por outra parte, a xornalista María Solar, coordinadora de Cultura na CRTVG, asistirá ao estudio de A revista para conversar sobre a actualidade cultural e avanzar previsións de eventos para os vindeiros días.

Xa pola noite, o humor con maiúsculas será protagonista cunha nova entrega de Land Rober Summertime: que ofrece un resume dos mellores momentos do programa. Os convidados que pasarán polo escenario serán “unha muller de armas tomar, como é a emblemática Carmen Lomana, o coñecido actor e presentador Antonio Garrido, e un dos mellores cómicos de España, Manu Sánchez”. Os tres pintarán a mona, dando boa mostra no espazo das súas habilidades para a diversión.

Por suposto, unha edición máis cómpre salientar a participación do presentador Roberto Vilar, apoiado nos variados sketchs por Eva Iglesias, Víctor Fábregas e Miguel Canalejo, “para que os espectadores gocen da festa rachada que proporá o programa esta noite na Galega”.