A programación do sábado da TVG afondará na relación entre Arxentina e Galicia, a través da figura de Ricardo Alfonsín. Nesta nova edición de Facendo as Américas, os espectadores da Televisión de Galicia viaxarán de novo a Bos Aires para “coñecer máis sobre a súa vida política e social, aínda que hoxe o programa non se realizará desde as grandes avenidas e prazas porteñas, nin desde o interior do Congreso da Nación Arxentina ou do pazo da Casa Rosada —que ten moito que ver co pai do noso convidado—, senón desde unha localización algo máis próxima, desde un pazo situado na capital de España”.

Recordan desde este programa que “o fillo do sempre inesquecible Raúl Alfonsín —o carismático e lembrado presidente da República Arxentina—, é o actual embaixador da Arxentina en España”. E engaden que é “se cadra o máis galego dos diplomáticos foráneos acreditados no noso chan patrio”.

Con raíces en Ribadumia, concello de Pontevedra e lugar co que aínda mantén vínculo, “a súa traxectoria vital non foi motivo para perder de vista o país de orixe”.

Este programa Facendo as Américas realizará tamén un repaso pola vida persoal e política do seu pai, o político Raúl Alfonsín e primeiro presidente democrático despois da ditadura arxentina de Videla, e as influencias que deixou nel.

“Homes sans e transparentes, cheos de equilibrio, calma, intelixencia, xenerosidade e bo humor”, indican desde este programa da TVG.

Ricardo Alfonsín é avogado, mestre e político da Unión Cívica Radical. Desde agosto de 2020 exerce como embaixador arxentino en España. Simultáneamente, foi nomeado como embaixador de Arxentina en Andorra desde febreiro de 2021.Nas dúas ocasións foi designado polo presidente Alberto Fernández.