En pleno Ano Xacobeo, a TVG emite esta noite a película que mellor simboliza as emocións dos que percorren o Camiño de Santiago. The Way, longametraxe que conta coa participación da canle pública galega, foi dirixida por Emilio Estévez no ano 2010 e co seu pai, Martin Sheen, como protagonista. A película é un sentido tributo ás raíces galegas da popular saga artística, asentada nos Estados Unidos.

The Way é a cuarta película de Emilio Estévez como director e guionista. Na longametraxe, o director trata de abordar a última oportunidade dun pai para coñecer a seu fillo a través da súa viaxe persoal percorrendo o Camiño de Santiago.

Cunha magnífica interpretación de Martin Sheen, conta como Tom Avery recibe a noticia do seu fillo (co que non tiña boas relacións) nos Pirineos cando facía o camiño de Santiago. Na súa memoria, decide rematar a ruta e polo camiño coñece a outras persoas inmersas nas súas propias tristezas.

Ademáis, o programa A Revista presentado por Iria Soengas abordará a problemática dos incendios. Soengas conversará con Cristina Fernández, técnica investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, sobre as medidas e liñas de traballo que levarán a cabo as comunidades de montes para recuperar as zonas afectadas polos incendios forestais este verán.

Nunha conversa con Nina Villasuso, farmacéutica en Mugardos e voceira do COFC Farmacéutico, o programa interesarase polo novo decreto da Xunta arredor da dispensación nas farmacias galegas de medicamentos á cidadanía, con sistemas personalizados de dosificación a pacientes que o soliciten, para mellorar o seguimento e adherencia aos tratamentos.

O espazo seguirá falando sobre a nosa saúde co psiquiatra Juan Carlos Díaz, en concreto, sobre os factores que afectan a unha mala calidade do soño.