O Comité Intercentros da CRTVG pediu este venres nun comunicado a dimisión de oito directivos dos medios públicos galegos. Denuncia “a gravidade dos novos episodios de manipulación informativa que se sucederon esta semana na TVG, a deriva ideolóxica á que os máximos responsables da Corporación están levando os servizos informativos.”

Alude en primeiro lugar a información este mércores no Telexornal Mediodía sobre a visita da ministra de Dereitos Sociais e do ministro da Presidencia aos traballos de exhumación nunha foxa común de vítimas do franquismo en Madrid, “sen poñer en contexto a información”. O Comité Intercentros recorda que “o único corte escollido pola dirección da TVG para a noticia non se refería en absoluto a ela, senón que recolleu a pregunta dun blogue de internet da estrema dereita que inquería á ministra sobre os mortos de Paracuellos, un episodio que a ultradereita utiliza decote nos seus discursos”.

Engade o Comité Intercentros que no mesmo informativo saíron unhas declaracións da secretaria xeral do PPdeG “avaliando positivamente os cen días de Alfonso Rueda á fronte da Xunta, unha peza elaborada a partir dun video remitido polo propio partido cun micrófono do PP”. Tamén hai críticas sobre a Área de Contidos: “Nun novo episodio de ausencia de perspectiva de xénero e incumprimento do deber de fomento de accións positivas en materia de igualdade e erradicación do sexismo e do machismo, a TVG comezou a promocionar a serie Saudade de ti con mensaxes como “O amor de verdade fai sufrir” ou “O amor de verdade é pura loucura”.

O Comité esixe as dimisións da directora da Área de Información, Concepción Pombo Romero; do subdirector Alejandro López Carballeira, así como dos dous redactores xefes e do responsable do Telexornal Mediodía; do director da Área de Contidos, Fernando Rodríguez Ojea; e das directivas Rosa Sierra e Vanessa Grela.