A Televisión de Galicia (TVG) estrea hoxe o programa Hora Galega, un magazine diario que á tardiña abrirá unha ventá a Galicia e as súas xentes. De luns a venres, a partir das 19.00 horas, David Espiño e Rocío Durán, acompañados dun equipo de reporteiros espallados por todo o país, farán que as tardes estean máis vivas ca nunca contando todo o que sucede, o que se está facendo en Galicia a esa hora nas vilas, nas cidades, no campo, no monte e no mar.

Hora Galega preséntase como un formato onde a actualidade e a frescura acompañarán cada tarde o espectador da Galega, servíndolle un menú de proximidade onde descubrir que o noso país é único. As súas xentes, os barrios, os veciños, a cultura popular, a gastronomía, as tradicións, as festas e produtos do país... xuntaranse en Hora Galega para chegar ao serán con bo humor.

Ducias de persoas pasarán cada día polo programa da canle autonómica, que se converterá nun “desfile diario do cotián”, nun altofalante do que se fala nas rúas e nas casas, nunha ‘quedada’ diaria entre amigos coa tele en directo como lugar de encontro.