La Opinión de A Coruña

La Opinión de A Coruña

A TVG amosa nun documental os castelos que continúan en pé

A emisión será na tarde do sábado, para viaxar polo pasado feudal

Castelo de Moeche nun fotograma do documental. | // TVG

Cantos castelos medievais quedan en Galicia? Desde Moeche ata Naraío (San Sadurniño), pasando por outras fortalezas que aínda continúan en pé despois de séculos de guerras. A Televisión de Galicia ofrece este sábado a última entrega da serie documental Os Castelos, que contou durante as últimas semanas como se configurou a sociedade feudal arredor destas construcións, como se fixeron os señores co poder e como finalmente o acabarían perdendo.

Nesta ocasión, a presentadora, Alba Mancebo, fará un percorrido polos castelos e torres que quedan hoxe en pé en Galicia.

Os espectadores saberán a que familias estiveron ligados, que episodios históricos de especial relevancia aconteceron entre os seus muros ou arredor deles e que lendas e historias coñecen de cada un deles os galegos que viven hoxe na súa contorna. Poderán coñecer así a familias como os poderosos Andrade ou revoltas como a mitificada Irmandiña, con líderes como Roi Xordo que se rebelou contra Nuno Freire de Andrade (O Mao)

Ademais, coa axuda dos expertos e historiadores do programa, explicarase que valor se lles debería dar hoxe en día aos castelos que quedan engrandecendo a paisaxe galega.

Entre as fortalezas que aparecerán neste último episodio da serie documental da Televisión de Galicia destacan as da provincia da Coruña, como a de Moeche que aparece na imaxe desta información. Con orixes no século XIV, foi un dos escenarios precisamente desas Revoltas Irmandiñas.

Compartir el artículo

stats