O programa Luar ofrecerá este venres, como é habitual, “unha completa e variada selección musical, en que destaca o grupo Camela, que continúa na brecha despois de 85 anos de estrada e dos primeiros postos nas listas de vendas e popularidade de España”.

Impulsores da tecno-rumba nos 90, a parella composta por Dionisio Martín e María de los Ángeles Muñoz volve con novo disco, titulado Que la música te acompañe.

O espazo da TVG presentado por Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández tamén contará coa acutación de Toreros con Chanclas, a unión dos míticos Los Toreros Muertos e No Me Pises Que Llevo Chanclas, dúas das bandas máis falcatrueiras do pop-rock dos 80 e 90, que unen as súas forzas nunha xira conxunta. Ademais, esta noite estará no escenario o guitarrista e vocalista galego de pop Brais Morán, que leva case 20 anos de traxectoria profesional no mundo da escena musical compoñendo e editando cancións. Coñecido polo seu paso pola banda Loretta Martin, iniciou a súa carreira en solitario e agora preséntase coa súa banda, Nasaufunk.

Outra das convidadas desta semana será a centenaria agrupación folclórica Cantigas e Agarimos. Referente da música tradicional, non só en Galicia e España, senón tamén en todo o mundo, as súas xiras levaron os seus compoñentes a países como os Estados Unidos, Francia, O Xapón ou a veciña Portugal, e os seus temas forman parte da cultura popular galega.

O cartel musical deste venres complétase coa presenza da orquestra Principal, do grupo etnográfico A Buxaina e da formación A Trova Coruñesa, que conta cun repertorio baseado en distintos estilos musicais como o o bolero, o chachachá, a salsa, o jazz ou o son cubano. Contra o final do programa chegará unha nova entrega do concurso Recantos, hoxe coa participación de Isabel Barría,e Santín.