O amor percorre Galicia a bordo da limusina da TVG, que chega hoxe ata A Coruña. A psicóloga e sexóloga Raquel Graña falará esta noite, nunha nova entrega do programa da TVG Non lle chames amor, dos distintos xeitos de mocear que nos podemos atopar.

O espazo achegarase nesta ocasión á Coruña, onde os espectadores coñecerán a Eva, unha muller con moita enerxía e un milleiro de anécdotas que compartir e que, aos seus 63 anos, anda en busca do amor verdadeiro. Tamén descubrirase a historia de amor de Gelo e Dolores, unha parella que é un claro exemplo de que os frechazos poden durar para toda a vida.

Xa por último, subirá á limusina do programa Cynthia, “unha rapaza que probou o mundo swinger e que contará cal foi a súa mellor e máis incrible experiencia sexual ata o momento”, segundo indican desde este programa de relacións que emitirá este mércores a TVG.

Tamén este mércores, a entrega desta semana do programa Corremundos comezará co coidado da alma. Porque hai persoas que velan pola saúde do corpo e outras que se ocupan do benestar do espírito. E se o oficio de sacerdote non deixa tempo libre levando unha parroquia, que malabarismos haberá que facer con oito? O espazo da TVG percorrerá hoxe un lote de quilómetros polas estradas de Ourense e tamén comprobará como se exerce o sacerdocio ao outro lado do Atlántico, en México.

Por outro lado, no país azteca, Corremundos mergullarase na gastronomía local desde un pequeno restaurante. Comer é doado, pero o esforzo da cociña non vale para calquera. Sobre todo, cando se trata de poñer novas propostas sobre a mesa que consigan seducir os padais dos clientes. Un concepto que manexan á perfección en Boqueixón.