A asociación Músicas ao Vivo é hoxe a protagonista da segunda entrega do programa A porta aberta, que se emite esta noite, ás 21.30 horas, na TVG2. O espazo, realizado para a canle autonómica por Producións Celta, achégase ata Vigo para coñecer o día a día deste colectivo de músicos que ten por obxectivo o desenvolvemento dunha estructura profesional que dé cobertura á actividade artística dos seus membros.

O xerente da asociación artística, Manuel Alonso, e os músicos Sheila Patricia, Najla Shami e Toño López serán os encargados de dar a coñecer no programa os retos aos que se enfrenta a entidade no desempeño do seu labor, que aborda o reto de conxugar profesionais de disciplinas musicais ben distintas e con intereses tamén dispares.

Escrito e dirixido por X. H. Rivadulla Corcón, o programa amosa a realidade dun colectivo que, por enriba de todo, quere facer música, pero, ademais, aportar algo á sociedade. Representa a máis de 500 socios e desde 2008 pon o seu empeño en dignificar a música en directo e o traballo dos músicos, parte fundamental do desenvolvemento cultural do país.

A porta aberta é un espazo de emisión diaria (de luns a venres), e adica cada un dos seus episodios a unha entidade social concreta, tratando de abarcar ámbitos diversos e tamén de abranguer todo o territorio da comunidade.

Os capítulos ármanse en torno ao testemuño dos protagonistas. Membros, traballadores e beneficiarios dos colectivos son os encargados de dar a coñecer o labor que levan a cabo, a filosofía que sustenta a súa actividade e os valores que aportan á sociedade.