No centenario do nacemento da actriz galega universal, a TVG ofrece esta noite o documental María Casares. A muller que viviu mil vidas. Realizado por Xavier Villaverde, presentouse na Seminci e estreouse recentemente nos cinemas da Coruña.

O director de películas como Fisterra, Continental e Trece badaladas achégase “de xeito íntimo e profundo a unha muller extraordinaria cuxa vida quedou marcada pola Guerra Civil e o exilio a Francia, onde acabou converténdose nunha das actrices máis aclamadas do cine e do teatro”.

O traballo tamén é unha homenaxe desde a súa Galicia natal, “que nunca esqueceu a unha figura cegadora, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX”, segundo indican desde a TVG. Reivindícase así a figura da actriz coruñesa, achegándolles aos espectadores a súa vida e o seu legado con sinceridade e rigor.A historia parte dende 1936, cando con 13 anos María Casares fuxiu coa súa nai da Guerra Civil Española e cruzou a fronteira dos Pirineos camiño do exilio en Francia.

Convertiríase co tempo nunha das actrices máis aclamadas do cinema e do teatro francés “nunha época en que Francia era a meca cultural do mundo”. O documental amosa a Casares como “unha intérprete camaleónica, esixente, inconformista e cun sentido da aventura constante, María alcanzou case todo na súa vida, no teatro e no cinema...foi unha loitadora infatigable pola súa liberdade como muller e viviu un profundo compromiso político coa España exiliada”.