A TVG2 emite esta noite, ás 21.30 horas da noite, o quinto capítulo do programa A porta aberta: trátase dun espazo que se propón dar a coñecer en toda a comunidade o traballo do movemento asociativo galego.

A entidade protagonista de hoxe martes será Escena Galega, un colectivo integrado por compañías de teatro, danza e novo circo. A finalidade principal desta asociación pasa por defender os dereitos e os intereses dos profesionais das artes escénicas, para que deste xeito poidan desenvolver o seu traballo artístico nas mellores condicións segundo aseguran dende o programa.

O presidente da asociación Escena Galega, Santiago Cortegoso, e a vogal Paula Quintas, conversan co equipo do programa xunto a Artur Trillo, que é un dos membros fundadores, e Laura Sarasola, unha das asociadas nesta entidade.

Todos estes integrantes de Escena Galega falan da complexa tarefa á que se enfronta o colectivo, que se atopa implicado na creación e sostemento da armazón empresarial das artes escénicas, tanto no seu aspecto económico como cultural, e na construción da idiosincrasia da sociedade galega.

O espazo, dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, amosa ademáis nesta entrega o empeño dos asociados de Escena Galega en establecerdiferentes sinerxias coa sociedade do entorno coa fin de mellorala.

Este programa A porta aberta emítese de luns a venres na TVG2, ás 21.30 horas.

Mañá, mércores, A porta aberta estará adicado á Asociación Galega de Matronas, que dará paso o xoves á Asociación Sindical Galega de Guionistas e o venres á Asociación Galega de Familias de Acollida.