O programa diario A porta aberta regresa este mércores á TVG2. Ás 21.30 da noite emitirá o episodio A vida nas súas mans, dentro do espazo realizado por Producións Celta.

A emisión, que busca dar a coñecer ao público o movemento asociativo galego, céntrase nesta ocasión no traballo que levan a cabo dende a Asociación Galega de Matronas.

Este colectivo, no que se agrupan as profesionais desta rama sanitaria, reivindica a través das voces da súa presidenta, Noelia Amor, a vicepresidenta, Cristina Lojo, e dúas das súas asociadas, María Coego e Daniela González, un mellor coñecemento das súas tarefas cotiás.

Precisamente, a través de entrevistas no programa elas recordan que as súas labores van máis alá das súas funcións no parto e que teñen un valor fundamental para a vida das mulleres e do conxunto das familias.

As matronas neste capítulo de A porta aberta transmiten paixón polo seu traballo, e tamén inquietude por sentirse parte dun servicio sanitario imprescindible que, ao seu entender, aínda non está de todo normalizado, en moitos casos por descoñecemento.

Insisten estas profesionais na devoción polo seu traballo, algo que din que é imprescindible: para ser matrona hai que ter vocación.

Estas profesionais, como sanitarias, prestan un servicio que mellora a calidade de vida das mulleres, as crianzas e as familias.

A porta aberta, programa escrito e dirixido por X. H. Rivadulla Corcón, emítese de luns a venres na TVG2, ás 21.30 horas.

Mañá xoves o programa estará adicado á Asociación Sindical Galega de Guionistas e o venres á Asociación Galega de Familias de Acollida.