O programa A porta aberta, escrito e dirixido por X.H. Rivadulla Corcón, cóntanos no programa desta noite (TVG2, 21.30 horas) a historia e a actualidade da Asociación Galega de Cooperativas Agrolimentarias, contando coa presencia da presidenta Carmen Rodríguez, o director xerente Higinio Mougán, o vogal do sector vitivinícola Xoán Allegue e o homólogo deste último no sector horta e flor, Alberto Amil.

No espazo de hoxe, os espectadores achéganse ao traballo das cooperativas agroalimentarias galegas, na súa contribución a poñer en valor os produtos autóctonos e a fixar poboación no rural. E, para defender esta forma de entender o traballo e a súa dimensión social, naceu este colectivo galego de cooperativas agrolimentarias. Os membros da asociación transmiten que o seu traballo debe entenderse como un xeito de vivir no respecto á idiosincrasia de Galicia.

A porta aberta, que emítese de luns a venres, está realizado por Producións Celta e pretende dar protagonismo ao labor que fai o movemento asociativo galego, achegándose ao día a día de diversos colectivos da comunidade.

Mañá, martes, A porta aberta ofrecerá Unha visión ecolóxica do país, que é nome da emisión adicada á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, que preside Verónica Torrijos, acompañada nesta ocasión da fundadora e expresidenta Adela Figueroa, do coordinador da área de Formación Ambiental Ramsés Pérez e da vogal da directiva Tania Gómez.