O espazo da segunda canle da TVG A porta aberta recollerá, na emisión que comenza hoxe ás 21.30 horas, a historia e actualidade da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Toni Salgado, membro da directiva; Alberto Branco, xerente da asociación; Mónica García; tamén na directiva; e a socia Sheyla Fariña, achegarán as inquedanzas do colectivo.

Na cultura galega ocupa un papel relevante o traballo dos actores e actrices, históricamente nos teatros, e hoxe tamén nas pantallas audiovisuais. A súa labor é esencial para axudar á sociedade galega a comprender e fixar os seus valores culturais. A pesar disto, trátase dunha profesión non sempre comprendida na súa valía. Para poder expresarse como colectivo, dignificar o traballo e reivindicar condicións laborais xustas naceu a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, protagonista do A porta aberta desta noite.

O nacemento do teatro profesional galego dátase no ano 1978, coas montaxes de Laudamuco, señor de ningures, de Vidal Bolaño, e O velorio, de Francisco Taxes e Antonio Simón. Dende aquela, as circunstancias da profesión foron cambiando, adaptándose á evolución da sociedade. E sempre o traballo actoral estivo á altura do requirido socialmente. Pero as condición laborais ás veces non se adaptaron coa axilidade precisa, e conseguir que así sexa é o traballo esforzado da asociación en todo este tempo.

A porta aberta é unha produción encargada pola canle autonómica galega a Producións Celta, e está dirixida e escrita por X. H. Rivadulla Corcón.