Convertida nun dos éxitos da plataforma de pago Netflix, a serie A desorde que deixas empezará a emitirse este luns en aberto na TVG. Estrearase deste xeito esta noite a miniserie de oito capítulos baseada na novela de Carlos Montero do mesmo título e protagonizada polo santiagués Tamar Novas, Inma Cuesta e Bárbara Leni.

Conta tamén no elenco cos actores galegos Isabel Garrido e Alfonso Agra, e mais con Arón Piper, Roberto Enríquez ou Abril Zamora.

Entre o thriller psicolóxico e o drama, céntrase nunha profesora de instituto, Raquel, que acepta un traballo na vila onde medrou o seu marido, coa intención de darlle unha oportunidade ao seu matrimonio. Dirixida por Carlos Montero, Silvia Quer e Roger Gual, gravouse en distintas localizacións da provincia de Ourense, entre elas, Celanova, as termas romanas de Bande, a Ribeira Sacra ou a comarca da Baixa Limia.

Co título Na boca do lobo, no primeiro episodio a docente atopa unha contundente nota nos seus primeiros días de traballo: “E ti canto vas tardar en morrer”. Axiña descubrirá quen é Viruca, a profesora á que substitúe, e como marcou a vida de todos.

No magazine A Revista contarase a historia do lanzador de xabalina galego Gustavo Dacal, récord autonómico na disciplina e dez veces campión de España. Contaxiouse en México de dengue, cun pronóstico que se foi complicando nos últimos días e que o obrigou a someterse a tres operacións. Familiares e amigos están a costear o tramento, coa axuda dunha campaña de doazóns. Hoxe visita a revista un dos promotores, Pablo Alberte, coa irmá de Gustavo Dacal, Ángeles Dacal. Explicarán a situación do deportista e a iniciativa que puxeron en marcha para axudalo.

Tamén estarán no estudio Paula Maceiras e Patricia Maceiras, membros da academia de baile Paso a Paso de Narón.