O programa de hoxe de A porta aberta (TVG2, 21.30 horas) cóntannos a historia e a actualidade da Asociación Galega de Turismo Rural: Juan Luís López, presidente da asociación dende 2018 e propietario do Hotel Rústico Casa de Díaz, en Samos; Elena Vázquez, secretaria da asociación e propietaria do Pazo de Andeade en Touro; Sofía Martino e Alberto Martino, socios de Agatur, propietaria da Casa da Torre Branca, en Santiago de Compostela, son os invitados do episodio. O territorio galego, o seu rural, é un escenario que reúne as condicións óptimas para desenvolver un tipo de turismo moi representativo das esencias do país. O turismo rural leva anos propiciando unha forma de facer turismo racional e potenciando as calidades do rural galego. Pero os empresarios do sector tamén se enfrontan a retos de futuro que se derivan da súa estrutura como negocio. Para buscar solucións reúnense na Asociación Galega de Turismo Rural. Galicia está á cabeza do turismo rural de toda Europa, pola porcentaxe de establecementos en relación á extensión do territorio e pola calidade global da oferta. Isto representa unha riqueza para sociedade galega en xeral, pero especialmente para a Galicia rural onde este tipo de turismo axuda ao seu desenvolvemento e a poñer en valor o territorio.

O turismo rural tamén representa unha forma de tradición, en moitos casos as casas, que son o elemento central desta actividade, son casas onde desenvolveu a súa vida a familia e, case sempre, varias xeración, e isto ten un compoñente sentimental que fai que este negocio se faga cun compromiso máis alá do negocio en si mesmo. É a posta en valor do patrimonio familiar, e dota de alma ás casas. Hai entusiasmo nas persoas que compoñen a asociación de turismo rural, porque se trata dunha actividade con alma, onde o compromiso persoal é un dos compoñentes principais.