Corina Mañá aprende a sobrevivir no monte en ‘Coa luz do corazón’

A TVG emite hoxe, ás 20.00 horas, o segundo capítulo, no que a moza cega afronta o reto coa axuda dos expertos en supervivencia Borja Batán e Rubén Suárez

Corina Mañá con X.H.Rivadulla Corcón, Borja Batán e Rubén Suárez, nunha fraga.   | // PRODUCIÓNS CELTA

Corina Mañá con X.H.Rivadulla Corcón, Borja Batán e Rubén Suárez, nunha fraga. | // PRODUCIÓNS CELTA / REDACCIÓN

Redacción

A Coruña

Coa luz do corazón chega hoxe o seu segundo capítulo (TVG, 20.00 horas) coa emisión de Paseando entre carballos. Nesta ocasión, a protagonista, Corina Mañá, afronta o reto de aprender técnicas de supervivencia para saír adiante no caso de perderse nun lugar como unha fraga ou un monte. A moza viguesa, cega de nacemento, volve así a enfrontarse a unha situación moi pouco habitual para ela, nun programa elaborado por Producións Celta para a canle autonómica e coa dirección de X.H. Rivadulla Corcón.

Nesta ocasión, o equipo trasládase ata a vila de Negreira, onde quedaron con Borja Batán e Rubén Suárez, dous expertos en supervivencia. O primeiro ten unha empresa que se dedica a organizar aventuras na natureza mentres que o segundo se define como aventureiro e é bombeiro de profesión.

Para Corina, a natureza é un espazo cheo de sensacións distintas, co vento entre as árbores, o tacto das plantas, o son do río e os múltiples olores. Xa na fraga, o primeiro que Batán e Suárez ensinan á moza é como organizar unha mochila con todo o necesario para ir de excursión a un monte. O que máis lle chama a atención a Mañá é a manta térmica, xa que o tocala descobre unha textura inesperada, pois pensaba nunha manta tradicional.

Xa no bosque, Borja e Rubén explican que, no caso de perdérense, é importante buscar un espazo chan e sen obstáculos para poder instalar un “vivac”, que non é outra cousa que un pequeno espazo cuberto onde poder resgardarse en caso necesario da chuvia e do frío. Cando lle din como se constrúe, quedan sorprendidos porque Corina amosa unha grande habilidade para atopar a madeira axeitada, atala e cubrila coa tea impermeable que leva na mochila.

Pero as sorpresas seguen xa que a protagonista de Coa luz do corazón é quen de camiñar pola fraga ela soa, coa única axuda do seu bastón, sen ter ningún tropezo. Tamén atopa o canle do río e manéxase sen dificultade para coller auga na beira. Chega entón o momento de probar a manta térmica e neste momento é Corina a sorprendida non só co seu tacto, senón coa calor que proporciona.

A xornada de supervivencia finaliza cun xantar en plena fraga. Borja e Rubén ensinan a Corina, por último, a preparar uns chourizos ás brasas que fan os tres. O programa remata cunha entrevista do presentador X.H. Rivadulla Corcón a Corina, onde resume a súa experiencia nunha xornada na que aprendeu varias técnicas de supervivencia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents