Unha das raíces da cultura popular galega está nas ondas do mar, que son traballadas na nosa costa con formas propias que singularizan a Galicia no mundo. No Coa luz do corazón de hoxe na TVG (19.45 horas), a moza cega Corina Mañá quere tocar coas súas mans e co seu corazón a cultura mariñeira. E percibir os seus sons. O espazo viaxa a Camariñas, na Costa da Morte, ao encontro dunha muller moi especial nacida neste porto: Yaqui Lista, muller mariscadora e mariñeira. Yaqui mostraralle a Corina unha arte que singulariza á Costa da Morte e que ten a súa expresión máis coñecida en Camariñas: os encaixes de palillos. Dúas palilleiras, María Isabel Pasantes e Josefina Lista, esta última irmá de Yaqui, ensinarán a palillar a Corina.

Para esta é unha arte descoñecida, pero coas explicacións de Yaqui, Isabel e Josefina, axiña comprende como se desenvolve esta arte, e a pesar da súa dificultade, e a maior complexidade para Corina pola súa cegueira, en poucos minutos é quen de tecer cos palillos, como unha principiante claro, no vai ser de súpeto unha experta. Pero a habilidade de Corina sorprende grandemente ás tres palilleiras de Camariñas. Despois da experiencia do palillo, Corina vai con Yaqui a embarcar no seu barco, do que é patrón Tono Pasantes, o home desta. O dous traballan xuntos no mar. Corina, e o presentador do programa X. H. Rivadulla Corcón, embarcan e entre Tono e Yaqui ensinan as diferentes partes do barco a Corina.