A TVG emite hoxe (19.45 horas) un novo capítulo de Coa luz do corazón no que Corina Mañá será quen de conducir un coche. Baixo o título Paseando nun soño, o programa realizado por Producións Celta para a canle autonómica baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, leva á moza cega ata un circuíto no concello lugués de Pastoriza. Alí esperan Antonio Solorzano, director da Escola de Perfeccionamento de Conductores PTC, e Mario Ares, profesor no centro, que a axudarán a cumprir o seu soño.

Así, nada máis chegar ao circuito, Corina conta como lle gustaría poder conducir e os seus anfitrións explican que vai poder ir de copiloto nun coche de rally co que poderá experimentar a sensación de velocidade e tamén o que provoquen as diferentes manobras que fai o piloto. Pero antes de coñecer a Víctor Solorzano, que será o conductor, a moza equípase con traxe e casco de seguridade. Previamente a emprender a marcha, a moza viguesa aprende todo sobre o coche, dende como son os mandos, as diferentes pancas ou o volante e cando xa están circulando, Víctor pídelle que lle axude a facer algunhas manobras. Deste xeito, Corina manexará o freo de man. Ao baixar do vehículo, ámbolos dous contan as súas sensacións e amosan tamén o seu grande entusiasmo por vivir unha experiencia tan especial. Posteriormente, Rivadulla Corcón e Antonio pídenlle a Corina que os acompañe e lévana xunto a outro coche. Unha vez alí, animan a que o toque e, como gran sorpresa final, anúncianlle que ela poderá conducilo. Tal noticia provoca una explosión de alegría en Corina xa que vai ver cumprido o seu soño de conducir.

Así, tanto Solorzano como Rivadulla Corcón suben ao coche con Corina, que se pon aos mandos do volante. A moza é quen de conducir o vehículo polo circuíto pechado seguindo fielmente as indicacións do seu anfitrión e coa súa supervisión. Para sorpresa de todos, leva o vehículo con determinación, seguindo tódalas instruccións que lle marca Antonio. E sobre todo, chea de entusiasmo e felicidade.

Como é habitual, o capítulo remata cuna entrevista que lle fai X.H. Rivadulla Corcón a Corina Mañá na que a moza conta como viviu a experiencia de conducir un coche.