O programa A porta aberta ofrece hoxe, ás 20.35 horas na TVG2, unha nova entrega baixo o título Barcos pequenos con alma grande no que se aborda a historia e o traballo que desenvolve a Asociación de Modelistas Navais de Galicia. O espazo, realizado por Producións Celta para a canle autonómica, conta coa presencia e os testemuños do presidente de colectivo, Juan Olivencia, o seu vicepresidente, Javier Freire, e dous dos seus socios, Ramón Senén e Miguel Calero. Dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón, A porta aberta ten como obxectivo dar a coñecer e por en valor o asociacionismo galego e enxalzar a súa contribución ao progreso da sociedade galega.

Amantes do mar e do patrimonio naval, os integrantes da asociación de modelistas fan verdadeiras marabillas a escala que sorprenden pola súa beleza e realismo, un traballo que ten a súa orixe nas carpintarías de ribeira, onde a maioría dos autores destes pezas artesanais se formaron no oficio.

Esta artesanía, estreitamente ligada á cultura mariñeira, sublima o elemento máis simbólico do mar, o barco, e tamén reivindica o material máis mariñeiro, a madeira, nun tempo de crise para a construción tradicional de embarcacións.

De todo isto falan para o programa da TVG os protagonistas do episodio de hoxe, que conciben a súa minuciosa ocupación como unha maneira de facer realidade un soño. Os que traballaron no mar volvendo a revivir as súas múltiples navegacións, e os que nunca embarcaron soñando con navegar no seu barco a escala dos soños. Semella unha forma fermosa de construír soños. E é tamén unha homenaxe aos homes que construíron os grandes barcos e aos que navegaron neles. Eles, os modelistas navais galegos, son carpinteiros de ribeira, mesmo se os seus barcos non van ir nunca á pesca do peixe espada, nin ao Gran Sol, nin serán remolcadores traballando nun porto, nin botes onde uns mariñeiros capturen polbos. . Con todo, os seus barcos son admirados con fascinación por todos os amantes da cultura do mar.