Xente Marabillosa chega esta noite cun sétimo programa (TVG, 22.40) centrado nos prexuízos que sofren as persoas que, tras ter superado un cancro, atopan problemas á hora de reincorporarse ao mercado laboral. O pasado ano en Galicia diagnosticáronse 19.932 pacientes de cancro. A pesar da alta incidencia desta enfermidade, cada vez existen diagnósticos máis precoces que permiten que a esperanza de curación aumente e tamén, consecuentemente, que melloren os procesos de recuperación... pero a sociedade non sempre o entende así.

Lucía Rodríguez recibe no estudio de Xente Marabillosa a unha madriña que leva máis de vinte anos comprometida coa loita contra o cancro: a modelo, presentadora e escritora Paloma Lago, que falará da súa faceta máis solidaria. A presentadora ferrolá colabora coa Asociación Contra o Cancro e a Fundación Naru, que apoia de xeito económico a persoas que superaron un cancro.

Para denunciar a discriminación dos que pasaron por esta doenza, estréase unha nova entrega da cámara oculta onde unha expaciente oncolóxica lista para volver traballar é cuestionada e desprezada polo novo xerente. Atópase coa desagradable sorpresa de que non a queren volver contratar.Esta cámara oculta, que conta co asesoramento da Asociación Contra o Cancro, baséase nesta ocasión na experiencia persoal da coruñesa Carolina Pan, unha coñecida cantante e tiktoker que afrontou o seu diagnóstico, un cancro de mama, difundindo e compartindo a súa evolución. Outra cámara oculta será protagonizada pola prestadora Trisha Fernández.