A porta aberta aborda no seu capítulo de hoxe, que emite ás 20.35 horas a TVG2, o labor, actualidade e historia da Nova Escola Galega. Para elo, o programa elaborado por Producións Celta para a canle autonómica conta como invitados con Xosé Lastra (presidente do colectivo), Dolores Candedo (expresidenta), Uxía Bolaño (directora da Revista Galega de Educación) e Camino Pereiro (socia). Baixo o título Nova Escola Galega, construír un tempo e un espazo dende a escola, o capítulo, escrito e dirixido por X.H. Rivadulla Corcón, empeza contando como no ano 1983 un grupo de profesionais do ensino fundou a Nova Escola Galega como unha asociación para defender que a realidade propia do alumnado galego debe estar no centro dos plans educativos.

Tal e como explican os invitados no programa, o ensino é un dos aspectos principais e esenciais para construír unha sociedade con valores positivos xa que no tempo de formación do alumnado é cando se establecen os alicerces do que serán as sociedades no seu futuro. Por iso, Nova Escola Galega considera que o labor dos docentes é primordial. Ademais, os telespectadores poderán coñecer de primeira man a través deste capítulo de A porta aberta que a asociación de docentes defende que na realidade propia do alumnado galego está a fala como principal elemento xerador de toda esta realidade.

Coñecer a realidade universal

Sen embargo, defenden que partindo desta realidade social os estudiantes poidan coñecer tamén a realidade universal. Apuntan esta necesidade xa que os alumnos viven en Galicia pero evidentemente tamén son cidadáns do mundo, e certamente non tería sentido falar do universal sen ter a noción necesaria da realidade inmediata, do máis cercano.