A TVG2 emite este venres, ás 20.50 horas, un novo programa de A porta aberta, que conta nesta ocasión a historia e actualidade da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, que preside Iria Taibo. O programa contará coa presencia desta última e tamén cos testemuños da secretaria do colectivo, Beatriz Fariña, e dos socios Manuel Solleiro e María Reimóndez, fundadora da agrupación.

Unha das riquezas da humanidade é a enorme variedade de linguas no planeta, un tesouro cultural, pero tamén, ás veces, unha dificultade para entendernos. Para entender o que se escribe noutras linguas ou o que falan persoas con idiomas distintos aos nosos, cóntase cos traballadores que se agrupan na Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.

Hai profesións ás que non lle prestamos atención, a non ser que un día as precisemos para algo concreto, pero que están facendo a súa labor de forma constante, e isto facilita o funcionamento da sociedade. Isto sucede coas tradutoras e intérpretes. O seu traballo tamén fai a vida de todos máis fácil. E sen darnos conta contribúen ao entendemento global e a coidar das singularidades máis valiosas de cada cultura.

As tradutoras e intérpretes expresan con paixón as peculiaridades do seu traballo. O idioma galego, que defenden no exercicio da súa profesión é a orixe ao amor polas linguas destas profesionais. A partir do que significa unha lingua como a galega, que conxuga na súa historia o valor do literario e do popular e é fondamente sentimental, compréndese o valor concreto da lingua propia de cada pobo.