'Morra o conto' pregúntase onde se come o mellor polbo de Galicia

Alba Mancebo e David Vilares conducen unha nova entrega do programa da TVG (mañá, ás 22.45 horas) no mosteiro de Carboeiro, onde o cefalópodo será o protagonista

Alba Mancebo, diante do mosteiro de Carboeiro.

Alba Mancebo, diante do mosteiro de Carboeiro. / Crtvg

Mañá domingo, último do presente ano, o espazo Morra o conto trasládase ao impresionante mosteiro de Carboeiro, no concello de Silleda, para descubrir e concluír cal é a mellor preparación do rei do mar galego, o polbo: á feira ou á mugardesa. Este duelo entre costa e interior enfrontará as tradicións do Carballiño e de Mugardos, poñendo o foco no valor cultural e gastronómico deste prato emblemático.

Os presentadores do programa Alba Mancebo e David Vilares liderarán a gala desde este espazo neutral, defendendo as dúas receitas en nome dos seus respectivos equipos.

Murgados ou Carballiño?

«O polbo de Mugardos é único, cun produto fresco, de proximidade e cunha receita inigualable», asegura Mancebo. «O polbo á feira do Carballiño é a verdadeira esencia da gastronomía galega, non hai festa que se gabe sen a súa polbeira», retruca con humor Vilares.

O programa mergullarase nas historias das familias polbeiras que mantiveron vivas estas tradicións, como os Fuchela, do Carballiño, ou os gardiáns da receita mugardesa, que transmiten o seu segredo de xeración en xeración. Ademais, descubriranse curiosidades, como a histórica conexión dos mosteiros galegos co polbo e o papel que xogou na vida económica e cultural do interior de Galicia.

Tópico ou rivalidade?

Morra o conto é un programa de entretemento que enfronta de forma divertida dúas localidades de Galicia arredor dun tópico ou rivalidade que as define, como marisco ou cocido, banda ou orquestra, ou mesmo o eterno Celta-Dépor.

A través de reportaxes e entrevistas nunha gala en directo, os presentadores Alba Mancebo e David Vilares descobren historias entrañables, personaxes únicos e momentos de grande emoción, celebrando as diferenzas que enriquecen a identidade galega mentres o público decide se «morre o conto» ou non.

Tracking Pixel Contents