‘Traes unha cantiga?’ pulsa a música de taberna que escoitan na Terra Cha

O programa de hoxe (TVG, 17.45 horas) gravouse nun restaurante do municipio de Vilalba e nel participan os grupos Mestura de Nete, Xermolos e Noxo me dás

A presentadora Noelia Rey (esquerda), sentada cos membros do xurado do programa ‘Traes unha cantiga?’. |  Crtvg

A presentadora Noelia Rey (esquerda), sentada cos membros do xurado do programa ‘Traes unha cantiga?’. | Crtvg

A emisión número 19 do programa Traes unha cantiga? (TVG, 17.45 horas) chega hoxe á Terra Cha lucense, onde pulsará o estado da música de taberna que se fai na comarca, dende o Restaurante A Nova Ruta, cos grupos Mestura de Nete, Xermolos e Noxo me dás.

Estes tres conxuntos, nesta segunda tempada, optan a dous premios: mellor cantiga interpretada, escollida polo xurado do programa; e cantiga máis popular, escollida a través dunha macroenquisa realizada en toda Galicia pola empresa de demoscopia Sondaxe.

Os tres participantes

Mestura de Nete é un grupo de música tradicional fundado por algúns veciños da parroquia de Nete (Vilalba) en 1996. Co paso dos anos foise unindo cada vez máis xente, moitos deles xubilados, porque o ven como unha alternativa de ocio, únense aos ensaios e pásano ben. Este é o obxectivo principal do grupo. De feito, empregan os cartos que recadan das actuacións en ir un venres ao mes a locais de Vilalba a cear e, de paso, cantar alí e intentar darlle pulo aos cantos de taberna na vila.

Escolleron a cantiga O galo, e engadíronlle unha copla que fala de Nete. É unha peza do repertorio popular galego que viviu un rexurdir nos últimos dous anos, sobre todo entre os mozos, grazas á versión que fixeron Ortiga e Pili Pampín.

Pola súa banda, Xermolos é un grupo de cantos de taberna integrado por persoas que pertencen á asociación do mesmo nome, fundada en 1976. Dende hai dous anos fundaron este grupo de cantos de taberna impulsados polo éxito que tiña o certame que organizan polos bares de Guitiriz, durante o Festival de Pardiñas.

A cantiga escollida é O quer que lle quer. Fan unha versión cantándoa a modo de regueifa entre homes e mulleres. É unha muiñeira composta en 1919 por Mauricio Farto, fundador e director do coro coruñés Cántigas da Terra, que a estreou en Celanova nunha homenaxe ao poeta Curros Enríquez.

Inquedanzas

O tercer concursante é Noxo me dás, un grupo de cantos de taberna formado hai menos de dous anos por varias persoas que pertencían a distintos grupos de Vilalba. Foron xuntándose aos poucos para darlle renda solta ás súas inquedanzas musicais e que funcionou ben porque xa teñen unha boa base musical e poden seguir evolucionando.

Escolleron interpretar a cantiga Xa me dixo teu pai, porque pensan que é moi popular en toda Galicia. A peza tamén e coñecida co nome de Pasodobre de Lourido e foi versionada máis recentemente por grupos como Pelepau e Tanxedoras.

As gañadoras deste e de cada programa en cada modalidade pasarán a semifinais; as das semifinais, a unha final onde se proclamarán as dúas gañadoras do programa en cada modalidade.

Traes unha cantiga? é unha tarefa encargada por TVG a Producións Celta, cunha idea orixinal escrita e dirixida por X. H. Rivadulla Corcón e presentado por Noelia Rey.

Tracking Pixel Contents