‘Traes unha cantiga?’ busca en Cervo os seus mellores cantos de taberna

O programa da Televisión de Galicia (mañá, ás 17.40 horas) escoita as propostas musicais de tres agrupacións da localidade lucense: Fol do Raxal, A Rebolaxe e Cordenaia

Noelia Rey e Ugia Pedreira. |  Producións Celta

Noelia Rey e Ugia Pedreira. | Producións Celta

O programa Traes unha cantiga? chega unha semana máis á TVG (mañá, ás 17.40 horas), para poñer en valor a música galega dándolle visibilidade aos cantos de taberna. Esta semana o espazo viaxa a Lugo, ata a Mariña Occidental. No restaurante pousada O Almacén de Cervo, tres grupos representativos da comarca participan para defender cadansúa peza musical.

O espazo, presentado por Noelia Rey, ten como xurados a Xurxo Fernandes, un dos maiores expertos na música tradicional galega, e Samuel González, guitarra e voz do grupo The Rapants. A madriña dos grupos será nesta ocasión Ugia Pedreira, figura relevante da música tradicional galega.

No programa de hoxe as agrupacións participantes son Fol do Raxal, A Rebolaxe e Cordenaia, todas elas do concello de Cervo.

Fol do Raxa é un grupo nacido durante a pandemia, aínda que algúns dos seus integrantes proceden de distintos puntos da Mariña. Eran tan só un «grupo de amigos» que se xuntaban para tocar en foliadas ou cantos de taberna, ata que decidiron constituírse como asociación para «seguir defendendo, apoiando e transmitindo a cultura popular, enfocada a música tradicional, co ánimo de espallar o que nós coñecemos».

Escolleron a cantiga O Roubador, canción moi de moda a día de hoxe nas tabernas galegas e popularizada principalmente por Cantata Vernácula, aínda que tamén a cantan outros grupos, como A Roda.

O grupo de cantos de taberna A Rebolaxe comezou a súa andaina hai máis de dez anos, tras percibir que entre a xente xa adulta da Mariña había interese na música tradicional e especialmente nestas cantigas populares. O seu repertorio está formado por cantos procedentes de recollidas, pero tamén por pezas populares arranxadas. Todos os anos organizan en San Cibrao, coa axuda do Concello de Cervo, a Foliada Nordestía, na que se exaltan os cantos de taberna.

Escolleron a cantiga A miña burriña, cantiga gravada xa a finais dos anos 70 polo grupo Petapouco. Dende aquela foi versionada por múltiples artistas, como Lucía Pérez.

A agrupación de cantareiras Cordenaia naceu no ano 1975, co fin de «animar a vida social do concello de Cervo», integrado na asociación cultural Airiños do Xunco deste concello. Na actualidade, todas as compoñentes son rapazas de Cervo e levan cantando e bailando xuntas desde adolescentes, nesta e noutras agrupacións.

Escolleron a cantiga Catro vellos mariñeiros, tema composto polo escritor e músico afeccionado José Travieso nado en Viveiro. Desde que foi gravada por vez primeira polo dúo María e Xavier no ano 69, esta peza converteuse nunha das cancións galegas máis editadas, pasando polas mans de grupos como A Roda, Treixadura, Lucía Pérez, etc.

Tracking Pixel Contents