A vaca símbolo de Galicia decídese en ‘Morra o conto’

A TVG emite hoxe (23.30 horas) unha nova entrega do programa presentado por Alba Mancebo e David Vilares, que ten como escenario o recinto feiral de gando de Chantada

David Vilares e Alba Mancebo, presentadores de 'Morra o conto'

David Vilares e Alba Mancebo, presentadores de 'Morra o conto' / Producciones Celta

O programa da TVG Morra o conto trasládase hoxe (23.30 horas) ao emblemático recinto feiral de gando de Chantada para decidir cal é a vaca que mellor representa a Galicia: a frisoa, orixinaria do norte de Europa e clave na produción láctea da Terra Chá, ou a cachena, raza autóctona do Xurés que loita por recuperar o seu lugar na economía e o patrimonio galego.

«Falar de Galicia é falar de vacas», afirma Alba Mancebo, quen defenderá a frisoa como «unha supervaca que move a economía de vilas enteiras como as da Terra Chá». Pola súa parte, David Vilares aposta pola raza autóctona: «A cachena é un símbolo do noso rural máis auténtico. Pequena, resistente e cunha carne espectacular, é a vaca que mellor representa a nosa identidade».

O programa explorará a importancia económica e cultural de ambas razas. Desde A Pastoriza, coñeceremos o día a día de gandeiros como Senén e Laura, que representan o relevo xeracional no sector lácteo. No outro extremo de Galicia, viaxaremos a Entrimo para descubrir o esforzo de recuperación da vaca cachena, impulsado por iniciativas como as xornadas gastronómicas que celebran o seu chuletón.

Ademais, entre as curiosidades do episodio, destacan os relatos de vida dos protagonistas. Como o de Alba, unha nova gandeira que tomou as rendas da explotación familiar tras a perda do seu tío, ou Davide, o veterinario que superou grandes retos para devolverlle á cachena o seu lugar no Xurés.

Con momentos de humor, música tradicional e «moito pique», Alba e David intentarán convencer o público de cal das dúas vacas debe coroarse como a máis representativa de Galicia.

Tracking Pixel Contents