«Convertemos os famosos galegos en guías das súas cidades»

‘A miña gran cidade’ chega hoxe á TVG, a partires das 21.35 horas, con Chelo García Cortés como invitada

Noelia Rey conduce  ‘A miña gran cidade’.  | CRTVG

Noelia Rey conduce ‘A miña gran cidade’. | CRTVG

A Coruña

Chelo García Cortés regresa ao seu Ourense natal para ensinar a cidade a un convidado inesperado na estrea de A miña gran cidade, hoxe, mércores, ás 21.35. Un formato nunca antes visto na TVG que promete sorpresas, emoción e moito humor. Falamos con Noelia Rey, a súa presentadora.

En que consiste A miña gran cidade?

Un galego famoso fai de guía na súa cidade durante un día para outro famoso, galego ou non. O obxectivo é que o convenza de quedar pola cidade de vacacións. Pero teñen unha limitación: o anfitrión só dispón dunha hora para realizar experiencias orixinais coas que ensinar a súa cidade e sorprender o visitante. Ao final, este decide se queda ou marcha.

Os famosos non se coñecen previamente, non?

Ás veces xuntamos persoas que se coñecen; noutras ocasións, persoas que non teñen nada que ver para xerar contrastes curiosos… (risas). O máis interesante é que nin os anfitrións saben a quen lle van ensinar a cidade nin os visitantes saben o que van facer.

O primeiro episodio é con Chelo García Cortés en Ourense.

Moita xente descoñece que Chelo é ourensá, pero naceu e traballou varios anos aquí. É emotivo vela falar dos seus comezos na radio, os recordos de seus pais e mesmo do seu primeiro amor. Como hai moita química co convidado, Chelo acaba desvelando detalles que nunca compartira ata agora. Tamén comentan a súa relación con José Manuel Parada, que comezou traballando xuntos na radio en Ourense.

Que rostros poderemos ver?

Chelo García Cortés é a primeira, pero teremos máis estrelas da televisión como Silvia Jato, Paloma Lago, o conde Lequio ou Alba Carrillo. Tamén celebridades doutros eidos, como os escritores Manel Loureiro ou Pedro Feijóo, o cirurxián Diego González Rivas, a actriz María Mera, o exbaloncestista Fernando Romay…

Que pode esperar a audiencia de A miña gran cidade?

Vai sorprender. É un programa moi divertido, poñemos en valor as cidades galegas dun xeito distinto mentres coñecemos o lado persoal e familiar dos famosos. Ao longo do programa créase moita complicidade entre as parellas, pero sempre hai certa tensión polo tempo.

Que tipo de experiencias propoñen os anfitrións?

Estando en Galicia todos queren ir comer algo típico, non necesariamente caro. Hai quen namorou dunha tapa de orella, non é broma (risas). Pero tamén visitan monumentos, acceden a lugares con paisaxes exclusivas, van ao karaoke, dan un paseo en bici á beira do mar ou mesmo xogan un partido de baloncesto. Están orgullosos das sías cidades e queren sorprender. Fan de todo, aburrir non se aburren!

Dá tempo a facer tanto nunha hora?

Aí está o reto! Están un día na cidade, pero as experiencias ocupan en total unha hora. Teñen que repartir con tino o tempo entre todas, normalmente son catro a fume de carozo. Eu vounos «espiando» durante o proceso para axudalos e lembrarlles os minutos que levan e os que lles quedan. Cando a hora remata, aparezo eu amolando (risas). Ao final, o convidado escolle se queda ou marcha da cidade.

E hai quen marcha despois de todo?

Claro! Levamos moitas sorpresas. Ás veces parece que todo flúe, que o están a pasar ben xuntos e, na decisión final, o convidado de xeito inesperado quere marchar... Como na vida mesma!

Tracking Pixel Contents